Punto de partida do proxecto
(O IMPORTANTE É O PROCESO)
A AGPXC desenvolveu durante os últimos anos unha serie continuada de encontros baixo a temática “Que facer coa cultura?”. Dentro dun marco de debate horizontal e participativo, centos de profesionais da cultura de toda a Península Ibérica compartiron reflexións sobre a situación do sector, pero sobre todo partillaron recursos, ferramentas e exemplos de boas prácticas para sacar adiante proxectos culturais no contexto actual e futuro. Acompañáronnos tamén decenas de axentes activos da educación, a ciencia, os medios de comunicación, o sector TIC e cargos políticos con responsabilidades en políticas culturais e educativas.
A primeira gran iniciativa neste sentido desenvolveuse en novembro de 2012, co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e do Concello de Pontevedra, cidade na que se celebrou o encontro «Compartindo multiplicamos. Mesa de traballo para Axentes Culturais«. Asistiron máis dun centenar de profesionais da cultura, cargos políticos, xornalistas e artistas de toda a Península. A xira de debates continuou na Coruña (maio 2013), en Santiago de Compostela (febreiro 2014) e en Ourense (maio 2014), onde participaron tamén profesionais do Norte de Portugal.
Toda esta liña de traballo xerou unha cantidade inxente de información, así mesmo, permitiunos identificar parcelas do traballo dentro da xestión cultural na que os propios profesionais demandan referencias e ferramentas para optimizar as súas propostas e proxectos.