Contexto
O Alg-a Lab ponse en marcha en 2008 pola comunidade de artistas Alg-a (2003) en colaboración, por unha banda, co arquitecto e activista Santiago Cirugeda, facilitador de 2 colectores habilitados para vivenda dentro do seu proxecto Recetas Urbanas (xerme da actual Rede Internacional de colectivos Arquitecturas Colectivas e, por outra, cun particular da parroquia de Valadares (Vigo), quen ofreceu unha leira de 3000m2 en réxime de cesión por 10 anos, onde están actualmente instalados os colectores.
O obxectivo é ofrecer o Alg-a Lab como recurso a disposición dunha rede distribuída de diferentes persoas, comunidades e organismos (relacionados principalmente coa arte, a tecnoloxía libre, a arquitectura, a educación e a permacultura) interesadxs no espazo para o seu uso e xestión cooperativa. Paralelamente tratan de experimentar e aprender diferentes posibilidades de autoxestión e organización colaborativas, inspiradas nas dinámicas distribuídas da cultura libre e nas redes P2P.
Experiencia
Alg-a Lab promove residencias, grupos de investigación, encontros e workshops de maneira independente e autoxestionada, e en colaboración con outras entidades e programas, tanto públicos como privados. Participan en redes e encontros diversos, establecendo diálogos tanto a nivel local, nacional como internacional e acollendo a artistas, investigadores e formadores de disciplinas emerxentes.
Interesadxs nas conexións entre tradición e vangarda, o analóxico e o tecnolóxico, o Colectivo de Artistas Alg-a caracterízase pola súa tendencia a combinar a innovación co arcaico e inmemorial do coñecemento e o seu marco común na Cultura Libre e compartida. Dispoñen de protocolos de solicitude para residencias, espazos de creación e investigación, así como eventos.
Cada vez son máis os colectivos que a súa vez se integran en Alg-a Laboratorio, pasando a ser, dalgún xeito, un proxecto de proxectos. Entre eles están: Curtopía (Festival de Curtametraxes), Radio Piratona (Radio Libre de Vigo) ou Tecnoloxías Apropiadas (grupo de investigación sobre bioconstrucción e sustentabilidade) así como proxectos que xorden do entorno de Alg-a Lab e despois se independizan, como pode ser Monte Noso ou Fablab Vigo entre outros.
DESTACADO POR:
- Ser un laboratorio de experimentación cultural pioneiro en Galicia e catalizador de numerosas iniciativas innovadoras.
- Promover a cultura libre e dixital.
Profesionais para seguir o fío:
-
- Manuel Cebral
- Ignacio Muñoz
- Natasha Crofton
- Samuel Otero