IMPULSADO POR: Concello da Coruña


Coruña Dixital

Programa promovido pola área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, co fin de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas desde as redes dixitais.

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Especializado
Contido principal
Multidisciplinar
Periodicidade
Actividade continua

 


Contexto

Dentro de Galicia, a cidade da Coruña e o seu entorno é un dos territorios onde podemos atopar máis micro-comunidades activas arredor da cultura dixital, especialmente colectivos maker, programador*s e creativ*s gráfic*s e audiovisuais.

O elemento en común das persoas destinatarias é o interese en compartir coñecemento arredor da creación e as prácticas culturais baseadas no colaborativo e no dixital.

Os principais obxectivos do programa son:
– Facilitar a participación activa da cidadanía en novas prácticas culturais e creativas.
– Crear espazos de conexión entre persoas, ideas e ferramentas dixitais.
– Realizar pedagoxía da colaboración e da participación nas prácticas culturais.
– Poñer en valor as colaboracións híbridas entre persoas con distintas competencias e grao de experiencia.
– Promover a consolidación de colectivos estables e autónomos a medio prazo.
– Potenciar o emprendemento sustentábel de novos proxectos sociais, creativos, culturais e profesionais na cidade.
– Inventariar e activar recursos e espazos municipais a disposición da cidadanía.
– Favorecer reflexións críticas sobre necesidades e retos da cidade.


Experiencia

Trátase esencialmente dun programa de mediación que busca facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento sustentábel de proxectos innovadores e con capacidade transformadora, ben sexan iniciativas creativas, culturais, sociais ou profesionais.

A estratexia principal pasa por apoiar a consolidación dunha comunidade ampla e diversa, o cal se realiza cun apoio estable a longo prazo e con mecanismos áxiles de comunicación e mediación. Conta tamén cunha programación de outono con obradoiros e accións divulgativas en diversos espazos da cidade.

O sitio web corunadixital.gal informa das actividades do programa municipal, pero tamén dá visibilidade aos colectivos, espazos, e eventos da cidade onde inspirarse, aprender e experimentar xuntas coa cultura dixital.

En 2017 incorpora o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña (LAIC), un espazo de encontro, colaboración e aprendizaxe para persoas e colectivos interesados na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital.

DESTACADO POR:

  • Ser unha iniciativa innovadora e pioneira en Galicia no achegamento ás novas prácticas da cultura dixital.
  • O enfoque das accións resulta divulgativo, inspirador e activador, adoptando desde o Concello un papel de entidade facilitadora, non dirixista, dentro do sistema cultural e creativo da cidade.

Profesionais para seguir o fío:

    • Sergio Lago
    • María Yáñez

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial