Contexto
A feira, aínda que con vocación galega, desenvólvese dende 2010 no Pazo de Cultura de Pontevedra (recinto de exposición e congresos), onde comezara a súa andaina en 2007. A 2ª edición celebrouse en 2008 na Coruña, en Palexco (recinto de congresos).
O seu obxectivo principal é visibilizar a produción cultural galega nas súas múltiples disciplinas, servindo tamén como punto de encontro anual, especialmente para profesionais.
A feira formúlase como unha exposición de propostas culturais dirixida, en principio, ao público xeral de toda Galicia. Nos últimos tempos hai unha marcada tendencia na oferta de actividades da feira cara a públicos familiares, aínda que as enquisas entre compradores evidencian que case un 70% teñen profesións que poden considerarse prescritoras de produtos culturais (mestres, profesionais do sector cultural ou xornalistas). A captación previa de perfil profesional tamén é esencial, xa que configura o groso da oferta de stands e da programación de actividades do evento.
Experiencia
Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia non é unha feira ao uso. A actividade profesional compleméntase cunha extensa programación cultural e o recinto de postos de venda e exposición convírtese nun escaparate privilexiado no que a sociedade galega pode coñecer de primeira man as últimas novidades editoriais, musicais, escénicas, audiovisuais, do deseño, das novas tecnoloxías…
Culturgal naceu en 2007, da man da Asociación Galega de Editores (AGE), co obxectivo de fixar un encontro anual de referencia obrigada tanto para profesionais como para o público xeral. A idea callou de xeito inmediato, sobre todo, entre as empresas e os profesionais da cultura. En xullo de 2010, os máis importantes colectivos do sector crearon unha asociación intergremial e comezaron a organizar, de xeito conxunto, a terceira edición da Feira.
Artellado como o gran fogar da cultura galega, supón unha oportunidade única de coñecer o que se coce cada ano. As últimas edicións celebráronse no primeiro fin de semana de decembro, como previo á campaña comercial de nadal.
DESTACADO POR:
- Trátase do esforzo máis salientable, en formato de feira, para visibilizar a produción cultural galega.
- A resposta de público e o impacto en medios medra ano a ano.
- A aposta por sumar esforzos entre os distintos sectores culturais permitiu multiplicar o impacto dunha cita pensada para ampliar os seus públicos.
- É un modelo adaptado ao tamaño das “industrias culturais” galegas, con gran peso do sector editorial, pero con liñas de traballo perfectamente válidas para outros territorios.
Profesionais para seguir o fío:
- Roberto Pérez
- Nel Vidal
- Sergio Lago
- nócomún
- Xosé Manuel Aldea