Contexto
O festival Escenas do Cambio nace en 2014. No primeiro programa de man do festival, reconstruíase brevemente a historia da escena independente en Santiago, sinalando a importancia de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2015) e Sala Nasa, e de Matarile e Sala Galán. Na súa terceira edición de 2017 celébranse os trinta anos de ambas as dúas compañías. Cando en 2014 se nomea este festival sabíase que un cambio real estaba comenzado na escena galega. O festival debía responder a ese cambio, artellar a eses artistas a miúdo inclasificables, dotar de recursos e acompañar a formación e as inquedanzas dos novos creadores. Teatro documental, autobiográfico, teatro da memoria, todas as etiquetas son inútiles para un cambio que trata de desvelar os mecanismos da sociedade do espectáculo, e que propón unha volta ao eu, ás persoas, ao que teñen en común, ao que son en común.
A escoita é o asunto central de Escenas do cambio 2017. Neste tempo tan difícil, con millóns de seres absorbidos pola tecnoloxía, propoñen unha serie de pezas que son unha toma de palabra, unha invitación ao murmurio, ao canto, ás palabras necesarias, e, por suposto, ao silencio que envolve esas palabras. A acústica dos teatros gregos era, en si mesma, unha obra de arte. A voz estaba integrada nunha paisaxe natural, formaba parte do cosmos, e era escoitada polos deuses. A historia do teatro é, tamén, a evolución dunha forma de escoitar. Hoxe, os auriculares permítennos unha escoita que é un acto íntimo e colectivo ao mesmo tempo. Somos fillos daqueles teatros gregos. Tamén nas rúas de Santiago se escoitaron relatos e coros, voces para contar a historia dunha cidade. O tempo da escoita é o tempo da acción.
O programa de Escenas do Cambio 2017 é unha resposta a ese cambio, un programa que dialoga directamente cos traballos das compañías e creador*s escénic*s de hoxe, os que marcan o camiño a seguir para construír un novo teatro para un novo país.
Experiencia
En setembro de 2016 recibían a invitación do Kunstenfestivaldesarts para formar parte da rede de festivais máis importante de Europa, THE TIME WE SHARE. Ao mesmo tempo, no inicio de outubro, Voadora presentaba Don Juan en Montbeliard Ma Scène Nationale cuxo director puido ver o espectáculo en Escenas do cambio 2016. Era a primeira presentación de Voadora en Francia, un traballo apoiado por Escenas do cambio que tivo unha gran repercusión entre a crítica e a prensa francesa. Todos os proxectos que no festival do ano anterior apoiaron ou coproduciron (Nuria Sotelo, Patricia Caballero, e os dous traballos de Lagartijas tiradas al sol) tiveron un percorrido nacional e internacional.
Escenas do Camio sigue en busca de lugares imaxinados que habitar, en busca dos límites da representación. Varios dos obradoiros e traballos deste ano 2017 estiveron orientados a esa cartografía do lugar, saber que elementos externos forman o feito teatral, canto se pode desvelar da representación, enfrontala aos seus límites, reformular a dicotomía dentro-fóra, cuestionar os límites do corpo, e as relacións dos corpos coa historia. Para iso, ademais dos traballos en formatos non convencionais, retomaron a liña de traballo presente desde o inicio do festival con varios proxectos coa comunidade, e despregaron ocupacións diversas da Cidade da Cultura e da cidade de Santiago.
DESTACADO POR:
- Ser unha das propostas públicas máis ambiciosas no terreo das Artes Escénicas en Galicia.
- Construír a súa personalidade dende o diálogo cos traballos das compañías e creador*s escénic*s de hoxe.