IMPULSADO POR: Xunta de Galicia; Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Secretaría Xeral de Cultura


Espazos Sonoros

Festival de músicas en espazos de interese cultural

Carácter
Público
Territorio
Itinerante
Público principal
Xeral
Contido principal
Música
Periodicidade
Programa curto

 


Contexto

Espazos Sonoros é un festival de músicas en espazos de interese cultural que nace en 2008 coa idea de ofrecer a súa programación ao longo de diferentes escenarios da xeografía galega, permitindo á vez a valorización do patrimonio cultural, musical e organístico e a captación e educación de públicos para a música clásica e as outras músicas, dentro dun proxecto en constante evolución.

Figuras e grupos como o Guilles Binchois, o Cuarteto Quiroga, Moscow Art Trio, Barbez, Rolf Lislevand, Austrian Baroque Company, Amandine Beyer, Arianna Savall, Huun Huur Tu, Tasto Solo, Le Trio Joubran, Germán Díaz, Huelgas Ensemble, Wilbert Hazelzet, Les saqueboutiers de Toulouse, Andrew Lawrence King ou Gothic Voices, entre outrxs, percorreron algúns dos espazos máis representativos do patrimonio galego.

O público dos Espazos Sonoros, son unha parte xa imprescindible xunto coa programación que convida a vivir a música desde unha ampla variedade de perspectivas, e que ofrece a oportunidade de vivir vivencias ao longo do patrimonio cultural galego.


Experiencia

Espazos Sonoros comezou fai dez anos coa idea de xuntar música e patrimonio histórico. Ao longo de todas as edicións foron moitos os escenarios improvisados e moitas as experiencias musicais, estéticas e humanas que se levaron a cabo.

Este ciclo naceu como diálogo entre música e patrimonio. Unha década despois, o encontro coa natureza e a descuberta de espazos etnográficos ou antropolóxicos completa unha oferta que constitúe unha porta aberta ao turismo cultural de calidade.

A última edición desenvolveuse entre o 2 de setembro e o 15 de outubro do 2017, o programa principal contou coa presenza de: Marco e Angela Ambrosini e Eva-Maria Rusche, Favola d’Argo, Xavier Díaz-Latorre, Samuel Diz, Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, Manseliña, Pablo Seoane, Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo e Austrian Baroque Company

Espazos Sonoros conta tamén con propostas que afondan no coñecemento e gozo do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música, a través da realización de roldas pola paisaxe organística galega.

Os espazos cos que se contou na edición do 2017 foron: Santa María de Mezonzo en Vilasantar (A Coruña); Mosteiro de Sobrado dos Monxes, Sobrado (A Coruña); Igrexa de Santa Mariña de Sela, Arbo (Pontevedra); Mosteiro de Montederramo, Montederramo (Ourense); Castelo de Pambre, Palas de Rei (Lugo); Os fornos da Pontenova. A Pontenova (Lugo); Santa María de Godos, Caldas de Reis (Pontevedra); San Salvador de Lourenzá, Lourenzá (Lugo); Liceo de Ourense, Ourense e a Igrexa de Santa María de Baiona, Baiona (Pontevedra).

 

DESTACADO POR:

  • Valorización do patrimonio.
  • Descentralización da programación cultural.
  • Vinculación entre espazos patrimoniais e difusión cultural.
  • Aposta por estilos musicais non comerciais.

Profesionais para seguir o fío:

  • Belén Bermejo López

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial