Contexto
O concello de San Sadurniño está situado ao norte de Galicia, dentro da comarca de Ferrolterra. Nos seus case 100 km2 viven aproximadamente 3.200 habitantes en 200 aldeas dispersas (31 h/km), vertebradas en sete parroquias ben diferenciadas: San Sadurniño, Naraío, Ferreira, Bardaos, Igrexafeita, Lamas e Santa Mariña do Monte. A súa complicada orografía diferenza zonas ben distintas, compartimentando a súa poboación en profundos vales atravesados polo ríos Grande de Xubia e Castro, no entorno dun inxente patrimonio natural, xa que as ¾ partes do Concello están adicadas á superficie forestal. Trátase polo tanto de terras rurais de grande atractivo e potencial de futuro por manter as características paisaxísticas tradicionais do agro galego ao longo do tempo, mais pouco explotadas a nivel empresarial ou turístico e con escasa cohesión sociocultural ou nivel cultural e tecnolóxico dos seus habitantes.
No tocante á poboación -do mesmo xeito que no resto de Galicia- os datos preséntanos unha sociedade rural moi envellecida, de moi baixa densidade e con escasa implantación das TIC tanto no eido empresarial como a nivel de usuaria/o individual. Mesmo varias das empresas e autónomxs do Concello non utilizan aínda as TIC nos seus negocios.
Neste contexto de poboación rural, envellecida, dispersa e con escasa implantación das TIC, o Concello conta cunha Aula CeMIT integrada na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT), que pretende configurarse como un vehículo eficiente para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar o emprego das TIC e da Sociedade da Información.
Experiencia
“Fálame de San Sadurniño” é un proxecto colaborativo na rede que xurdiu dunha actividade desenvolvida na Aula CeMIT do Concello de San Sadurniño para conmemorar o 17 de maio do 2013, día das Letras Galegas e tamén día de Internet, conxugando na mesma actividade a defensa da lingua galega e o emprego das TIC.
Mais o proxecto seguiu desenvolvéndose en progresión xeométrica ata convertérense nun espazo web único e orixinal, construído polas achegas da veciñanza de San Sadurniño e de fóra do Concello, no que o pasado e o presente, as voces distantes e distintas da súa poboación, as novas tecnoloxías e a cultura labrega, emprendedores/as e patrimonio, ecoloxía e restauración, deportes e historia conviven nun mesmo espazo-tempo, vertebrado a través de todo tipo de soportes: fotografías antigas e novas, sons, vídeos, documentos históricos, textos, gráficos, mapas e cancións. Un lugar de encontro da memoria oral e a historia do concello, ao tempo que fai visible a vitalidade do tecido asociativo ou empresarial contemporáneo de San Sadurniño. Fragmentos individuais de memorias episódicas que constrúen a memoria remota e social do territorio.
O proxecto converteuse ademais nunha ferramenta sinxela -mais eficaz -para implicar, motivar e achegar ás TIC á cidadanía, nomeadamente en contextos rurais sen coñecementos previos nas TICs, xa que as/os participantes realizan todo o proceso: dixitalización e xeolocalización das súas fotografías; gravación de audio explicativo, para subir logo o resultado final á web www.falamedesansadurnino.org, realizando íntegramente todo o proceso.
Hoxe xa é un espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das xentes, empresas, asociacións ou creadores/as das terras de San Sadurniño, e que ademais contribúe en grande medida ao empoderamento dunha pequena comunidade rural grazas ao intercambio de experiencias e información dos seus participantes.
DESTACADO POR:
- Proxecto tecnolóxico impulsado dende o rural.
- Xs xeradores dos contidos son as persoas de a pé: nin expertxs, nin profesionais.
Profesionais para seguir o fío:
- Carmen Suárez Nieto
- Manuel González Álvarez