IMPULSADO POR: Concello de Pontevedra


Feira Franca de Pontevedra

Unha cita histórica coa época medieval

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Popular-Histórico
Periodicidade
Celebración periódica


Contexto

Nace para promover a implicación activa da cidadanía nun proxecto de dinamización do centro histórico, escenario privilexiado para a recreación da mellor época da historia de Pontevedra.

Busca tamén recuperar a memoria dun dos tempos de maior puxanza e prosperidade da cidade.


Experiencia

A Feira Franca é, dende hai dezaseis anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicos, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

Está conformada pola organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou un torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

DESTACADO POR:

  • É unha cita de referencia para o modelo de feiras históricas.
  • Superou xa as dezaseis edicións, cun éxito notable e constante de público, sen deixar de ser un modelo sostible.
  • Destaca pola alta implicación e participación cidadá.

Profesionais para seguir o fío:

  • Luis Bará
  • Nova Xestión Cultural

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial