Contexto
O 24 de xullo de 1948 tivo lugar a 1ª Singradura da “Festa da Dorna” de Ribeira, celebración declarada de “Interese Turístico de Galicia” no 2005 e “Festivo Local” para o ano 2017.
Dende a súa fundación, ten como sinais de identidade a imaxinación nas actividades, a participación e o humor matizado pola ironía retranqueira, todo nun aparentemente caótico e carnavalesco fluír festivo, “a marea dorneira”. Nese ambiente festeiro ateigado de ”capachos” de ledicia, a cultura popular materialízase chea de modernidade e tradición.
Dende os seus inicios, en anos de ditadura e autarquía, ata a actualidade, a festa navega pola historia capeando temporais ao igual que a embarcación que lle da nome. A dorna, embarcación, dise dela que “é moi mariñeira”; “A Dorna”, a festa, “é a máis rachada”, a máis rompedora, cantan no seu himno. A festa que reuniu no seu primeiro ano a unhas ducias de veciños e veciñas é hoxe punto de encontro e lecer de miles de persoas chegadas dende toda Galicia e cada vez máis coñecida e recoñecida en toda España e máis alá.
Dende o ano 1952 a Festa da Dorna cumpriu unha importante labor social concretada en doar unha ou máis dornas cada ano a pescadores con poucos recursos. Coa mellora da situación económica a finais dos sesenta e nos setenta, así como debido a normativas limitadoras para a matriculación de embarcacións para pesca artesanal, dende finais dos setenta esa labor foi variando, aínda que mantendo nalgúns anos a entrega de algunha dorna. Máis de medio cento dornas foron dadas a outros tantos pescadores naqueles anos.
Experiencia
No ano 2014 crease o Viveiro Dorneiro, unha iniciativa de formación tipo campamento urbano de verán que promove a A.C. “R. e I. Cofradía da Dorna” durante todo o mes de xullo con actividades relacionadas coa festa e orientadas aos nenos e nenas que queren aprender a ser dorneiros.
Recentemente comezaron a facerse actividades para recadar fondos para apoiar iniciativas de entidades con fin social e no 2015 créase o FONDO SOLIDARIO DORNEIRO co asesoramento das Traballadoras Sociais das distintas entidades e institucións de Ribeira. Para ese fondo fanse dende a asociación distintas actividades como: Nadal Dorneiro Solidario, Cea Solidaria das Peñas Dorneiras e o torneo de fútbol sala para equipos de nenos e nenas “Copa da Jalaxia”. Cos recursos conseguidos apóianse programas concretos coas asociacións AMBAR de persoas con diversidade funcional e A Creba en pro da saúde mental, así como facilítanse recursos a particulares en perigo de exclusión social.
De todas as actividades que se impulsaron desde os seus comezos seguen a celebrarse durante a Festa da Dorna a “serimonia de inisiasión”, o “sertame itinerante de cansión de tasca”, o “jran prix de carrilanas”, o “Enjalanamento de Fanequeiras”, o “Jran Premio Ícaro de Vó sen Motor”, a “Romaría das Peñas”, os “Xojos Dorneiros”, o “Encontro dos Xojos Populares”, o “Jran Juateque Dorneiro”, a “Maratasón”, o concurso de carteis “Salvador D’aquí”, o concurso de deseño de sudadeiras “Ájata Ruín de la Prada” ou a “Macroqueimada”.
DESTACADO POR:
- Estar organizada de xeito comunitario a través das “peñas” da Dorna.
- A identificación do pobo cunha festa que entende como súa.
- O ambiente festivo e desenfadado arredor dunha iniciativa de reivindicación patrimonial.
Profesionais para seguir o fío:
- Consultar coa entidade impulsora.