Contexto
O Festival Agrocuir da Ulloa – e así o Colectivo Agrocuir da Ulloa, promotor do Festival – plantexan a súa actividade na Comarca da Ulloa, situada no centro xeográfico de Galicia e que comprende os concellos de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, todos eles na provincia de Lugo. A comarca é atravesada polo Camiño de Santiago Francés e é un referente gastronómico. Tamén conta cunha chea de espazos naturais fermosos e de iniciativas agro ecolóxicas innovadoras que fan dela un lugar máxico. Nun contexto no que se nos di que o rural non ten futuro e no que día a día estase a xestar unha operación de desmantelamento, etnocidio e biocidio, compre máis que nunca reivindicar novos principios e valores asociados á terra e á relación entre nós.
En relación con esto, as motivacións para realizar este festival son diversas: a propia vivencialidade experimentada aquí por todas e a necesidade de expresar, visibilizar e compartir as realidades; o agradecemento á terra que tanto nos brinda; a vontade de axitar e dinamizar culturalmente a comarca; a urxencia de organizarse co obxectivo de dignificar e recuperar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e á diversidad sexual; o impulso de lazos colaborativos e cooperativos que fomenten a transformación social, etc. Iniciativas deste tipo contribúen a activar e espertar a persoas e grupos de arredor, así como a crear círculos virtuosos que pouco a pouco van plantexando modelos económicos, sociais e políticos contra hexemónicos.
Experiencia
O termo agrocuir propón outro modelo gay fronte ao modelo imperante urbanita, asociado en moitas ocasións á vida en guetos, e en moitas outras á frivolidade e o consumismo, que pode semellar moi libre, pero únicamente dende o punto de vista burgués. Para o Colectivo Agrocuir o que ten relevancia, a verdadeira liberdade, é ser como un é, estar comprometido co teu entorno, co hábitat, e ser aceptado. E iso é o que plantexa o concepto agrocuir. Crendo e reivindicando que aquí, no campo, a pesares de existir moitas dificultades, é máis sinxelo ser libre e vivir como un quere e é.
O Festival Agrocuir da Ulloa celebrase a finais de agosto na vila de Monterroso, na Granxa Maruxa, sendo o principal obxectivo deste festival visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademáis, aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo; defendendo a diversidade, tanto social como natural.
Feira, música ao vivo, obradoiros, mesa redonda, cine… dan cor ao Festival Agrocuir da Ulloa.
O público que acode ó Festival é moi diverso: se ben a maior parte da xente son habitantes da comarca e arredores, hai presencia de xente do resto de Galiza , tanto de vilas e aldeas como das cidades. Cada edición é maior ademáis a presenza de xente de outros territorios como Extremadura, Madrid, Asturias, Catalunya e outras partes do Estado. Mesmo xente doutros países como Inglaterra, Italia ou Rumanía. En cada edición moitas cativas e cativos desfrutan durante todo o día por toda a granxa e especialmente durante a actividade de contacontos que se realiza sempre despois do xantar.
DESTACADO POR:
- O desenvolvemento do festival ten lugar no rural.
- A igualdade e a diversidade sexual son elementos característicos do evento.
Profesionais para seguir o fío:
- Braulio Vilariño
- Adrián Gallero