Festival de Cans

IMPULSADO POR: Asociación Cultural Arela


Festival de Cans

Unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas

Carácter
Asociativo
Territorio
Rural
Público principal
Xeral
Contido principal
Audiovisual
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

Cans é unha aldea que non pasa de 400 habitantes. Enclavada nun pequeno val, a parroquia vertébrase entre unha antiga estrada nacional e a autovía Vigo-Ourense. Moi cerca do núcleo urbano do Porriño, Cans segue a ter o seu mundo e os seus costumes que pertencen a un universo plenamente rural: desde campos de labranza a galiñeiros, pasando por invernadoiros, alpendres, canastros ou cortellos de porcos.

O protagonismo dos veciños é unha das esencias do festival. Nos días do festival, Cans é unha gran festa, na que todo o mundo goza: os que veñen de fóra, porque asisten alucinados ás proxeccións nos alpendres e nos jalpóns, e os veciños porque contemplan con grata sorpresa como a súa aldea se revoluciona.


Experiencia

O festival de Cans é algo máis que un festival de curtas: aquí hai estreas de documentais e longametraxes, un concurso de videoclips, coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, pero tamén hai concertos, pasarrúas, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades que se espallan por toda a parroquia de Cans, no concello do Porriño. Durante uns días, Cans convértese no epicentro do terremoto cinematográfico mundial, con ou sen permiso do seu medio irmán francés, o Festival de Cannes, co que sempre coincide en datas. Fronte á sofisticación e o glamour da Costa Azul, este festival ofrece altas doses de naturalidade, diversión e agroglamour.

O Festival de Cans toma por completo a aldea: o torreiro da festa, xunto á igrexa parroquial, é o punto de encontro onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios. Espalladas por Cans atópanse as salas nas que se proxectan as curtas: alpendres, galiñeiros, baixos e bodegas propiedade dos veciños que cambian por un día os seus usos habituais para converterse en salas de cine.

O festival organízao a Asociación Cultural Arela baixo a dirección de Alfonso Pato. Ademais dos diferentes patrocinadores e colaboradores, a complicidade dos veciños e veciñas resulta imprescindible. Non só achegan ilusión e unha man para o que faga falta, senón que ceden as “salas” de proxeccións e poñen a disposición do público os seus chimpibuses, as peculiares limusinas do festival.

 

DESTACADO POR:

  • Todo o imaxinario do Festival creouse sobre a propia idiosincrasia da vila, dende o nome ata os espazos de programación e creando un novo concepto: o “agroglamour”.
  • A cita superou xa a décima edición, cun éxito notable de público e unha alta implicación da poboación local. Conta con boa proxección exterior e resulta sostible grazas a uns ingresos diversificados.
  • Destaca polo seu modelo de participación interxeracional.
  • Non todas as vilas poden chamarse como Cannes e montar o seu festival de cine paralelo, pero sen dúbida é un proxecto de referencia para calquera proposta en entornos rurais envellecidos.

Profesionais para seguir o fío:

  • Alfonso Pato

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial