Contexto
O FICCVelo é un ambicioso proxecto dos colectivos Arraianos e Lareira Pop, que nacía no ano 2014 en Cartelle (Ourense), localidade natal de Carlos Velo, cun festival de curtametraxes documentais e de ficción, centradas en diferentes aspectos da realidade rural dos pobos do mundo.
Trátase dun punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual e un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural.
Entre os obxectivos dos organizadores deste festival hai que destacar o interese polo coñecemento, a conservación e a defensa das culturas e dos sinais identitarios do medio rural dos pobos, do seu singular patrimonio material e inmaterial, a recuperación e a codificación da memoria histórica, e a promoción do intercambio interxeracional e a participación cidadá.
Experiencia
Arraianos e Lareira Pop son dous colectivos sen ánimo de lucro que están a traballar intensamente na recuperación do patrimonio material e inmaterial da nosa terra e no desenvolvemento rural.
Con esta iniciativa reivindícase a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo e promóvese a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro. Quere ser un referente cultural e artístico contemporáneo, un evento que proporcione un espazo de encontro e de proxección exterior do talento creativo pasado, presente e futuro.
Ademáis de contribiur a investigar e divulgar a figura de Carlos Velo, o FICCVelo colabora con outros festivais nacionais e internacionais relacionados coa problemática do mundo rural.
DESTACADO POR:
- Traballar polo desenvolvemento rural dende as posibilidades do audiovisual, tanto para visibilizar as problemáticas como para construír futuro.