IMPULSADO POR: Escola de Gaitas de Ortigueira e, actualmente, Concello de Ortigueira


Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Festa de Interese Nacional e un dos referentes mundiais da música folk

Carácter
Público
Territorio
Rururbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Música
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

Cita ineludible do verán e un dos referentes mundiais do folk, o Festival Ortigueira tense convertido por méritos propios nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España. A súa magnitude excede xa o puramente musical, para consolidarse como un espazo libre onde conflúen xentes de todas as tribos chegadas dos máis diversos puntos da xeografía.

Pouco máis que ese espírito de liberdade e o carácter folclórico do evento quedan daquel festival artesanal que nacía no ano 1978, froito do esforzo da Escola de Gaitas de Ortigueira, liderada naquel intre por Xavier Garrote. Unha idea visionaria que triunfou grazas á axuda de toda a vila e malia o contorno oficial pouco favorable -tivo que interromperse durante un lustro.

No ano 2000 sentáronse as bases do que é hoxe unha auténtica industria cultural, ao tempo que o Festival abría o seu horizonte musical cara a outros tipos de música que non teñen por que ser estritamente celtas.


Experiencia

O esforzo nas súas últimas edicións pasa por reforzar as infraestruturas de servizos -autobuses gratuítos, aparcamentos vixiados, duchas, aseos, puntos de información- para facer máis cómoda a estancia dos milleiros de visitantes que ateigan a vila e a praia de Morouzos, e coidar ao máximo a calidade da programación musical. As estrelas do folk elixen os palcos de Ortigueira para presentar os seus últimos traballos -escenario Estrella Galicia- e o certame eríxese ademais como catapulta de novas bandas -Escenario Runas-.

A forza do Festival, organizado polo Concello de Ortigueira, valeulle que na edición do 2003 o Ministerio de Economía lle concedese o galardón de Festa de Interese Turístico Nacional. Pero os recoñecementos irían aínda máis aló. En 2005 o certame entrou no selecto grupo de eventos de Interese Turístico Internacional. O empuxe do Festival -arredor de 100.000 asistentes nas súas últimas edicións- ou o seu papel na proxección de Galicia e España no estranxeiro foron só dous dos factores que lle valeron o recoñecemento.

DESTACADO POR:

  • Ser o referente absoluto dos festivais de música folk e durante moitos anos a cita máis masiva da escena cultural galega.

Profesionais para seguir o fío:

  • Fran Rivera Méndez

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial