Contexto
Cada ano, A Coruña transfórmase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Unha cita musical única en España, cun atractivo programa de concertos ao aire libre e que cada ano reúne a 70.000 persoas. Un festival organizado polo Concello da Coruña que conta coa colaboración especial de Estrella Galicia e que presenta una liña estilística aberta, diversa e contemporánea, que saca a música dos espazos máis convencionais, espallándoa por toda a cidade, desde a Praia de Riazor ata o Castelo de Santo Antón, pasando por prazas, museos,parques e paseos. Unha experiencia que invita ao goce ceibe e cotián da música a toda A Coruña e os seus visitantes.
O Festival Noroeste Estrella Galicia aposta por (re) descubrir de forma próxima, experiencial e sostible espazos singulares, bandas imprescindibles, directos vibrantes e unha cidade única bañada polo Atlántico. Co Noroeste, o público goza dun festival contemporáneo e vibrante como a propia A Coruña, cun cartel atractivo e ecléctico que reúne case un centenar de concertos de figuras de nome internacional e estatal, que comparten escenario con artistas emerxentes e novas promesas, na súa aposta por convertirse nun escaparate da nova escena musical galega.
O Festival Noroeste Estrella Galicia ábrese a todos os públicos e aos estilos musicais máis ricos e eclécticos: pop, rock, swing, folk, psicodelia, reminiscencias sixties, funk, kraut, folklore mediterráneo, sons urbanos, flamenco experimental, fado, jazz, electrónica pop e minimalista, country alternativo, fapunk, rock progresivo, garage, rockabilly, indie, e ata o sludge e o hardcore máis salvaxe.
Música e arquitectura dialogan na Coruña para deseñar un mapa de sons moi especial, con concertos durante seis días en máis de dez espazos singulares diferentes.
Experiencia
Coa idea de que bandas coruñesas compartiran cartel con recoñecidos conxuntos do panorama nacional, como Burning ou Siniestro Total, en 1986 celébrase o primeiro Festival Noroeste Pop Rock. Cun éxito avalado por máis de 30.000 espectadores no pavillón de Riazor, ao ano seguinte repítese a fórmula, cuns novatos Ronaldos dando o seu primeiro grande concerto para masas. Tras un intento en 1988 de situarse na Praza de María Pita, en 1989 o festival aséntase na praia de Riazor, con La Unión como gran primeiro cabeza de cartel.
Edición a edición, o Festival Noroeste foi crecendo en adeptos e relevancia. O seu cartel abriuse ás estrelas internacionais e chegou a reunir na praia a máis de 100.000 persoas por concerto. Ano tras ano, polos seus escenarios pasaron bandas e artistas de talla internacional como The Cure, Bob Geldof, Status Quo, Joe Cocker, The Hives, Paul Weller, Suede, Madness, Mika… E tamén grandes nomes nacionais como Hombres G, Los Suaves, Pereza, Josele Santiago, Kiko Veneno, M-Clan, Nacha Pop, Leiva, Love of Lesbian ou Xoel López.
En 2015 o festival dá un novo salto para transformarse nunha cita de referencia máis aberta, dimensionada, contemporánea e diversa. O público puido vibrar con máis de 30 concertos, e entre as súas cabezas de cartel soaron nomes como Mando Diao, León Benavente, Los Planetas, Sidonie ou Coque Malla. A tendencia seguiu no 2016, e o Noroeste Estrella Galicia celebrou o seu 30º aniversario da mellor maneira, con máis de 60 concertos en 6 días de festival, enchendo 9 escenarios espallados por toda a cidade e con máis de 100 horas de directos de calidade. Entre outros moitos, pasaron polos escenarios do 30 Noroeste Estrella Galicia, Ocean Colour Scene, Editors, Freedonia, Triángulo de Amor Bizarro, Neil Halstead, Howe Gelb, Julián Maeso, Sex Museum, Carmen Boza ou El Niño de Elche.
En agosto de 2017, Noroeste Estrella Galicia encheu de música toda a cidade, con máis espazos, máis directos, máis horas de música en vivo, sesións matinais e pinchadas nalgúns dos locais máis imprescindibles da noite coruñesa.
DESTACADO POR:
- Ter evolucionado cara un exitoso modelo de festival urbano, con programación expandida en horarios e múltiples emprazamentos.
- Coidar cuestións de xénero na definición do cartel, sostibilidade, así como as condicións laborais de contratación, en colaboración con entidades e colectivos musicais.
Profesionais para seguir o fío:
- Xulio Vázquez.
- José Manuel Sande.