IMPULSADO POR: Concello de Carral


Fotos para as mil historias de Carral

Proxecto de recompilación, arquivo e difusión de fotografías antigas relacionadas co municipio de Carral.

Carácter
Público
Territorio
Rururbano
Público principal
Inter-xeracional
Contido principal
Popular-Histórico
Periodicidade
Actividade continua

 


Contexto

Carral é un concello de pouco máis de 6.000 habitantes da área metropolitana da cidade da Coruña. A súa capital municipal, Carral, ten unha trama urbana desenvolta ao longo da estrada N-550 que cruza o concello, e as outras sete parroquias teñen unha estrutura rural, cunha poboación relacionada socioeconómicamente coa área da Coruña.

O proxecto nace inicialmente coa intención de confeccionar unha exposición e un libro con fotografías antigas de Carral. Non se levara a cabo ningunha proposta semellante con anterioridade. Despois da primeira acción, a iniciativa foi gañando en ambición e decidiuse estruturala coa creación dun arquivo fotográfico municipal desde o que centralizar a conservación, recuperación e difusión daquelas imaxes que serven para ilustrar a historia recente de Carral (séculos XIX e XX).

Os destinatarios do proxecto son todas aquelas persoas e entidades relacionadas con Carral que teñen interese en coñecer cales eran os costumes, oficios, tradicións e paisaxes deste territorio; aínda que as que amosan maior interese son as persoas de maior idade e que viviron as décadas desde os 40 ata a actualidade.


Experiencia

As fases do proxecto son as seguintes:
– Cesión de fotografías e outras imaxes e documentos antigos relacionados con Carral, achegadas por particulares ou entidades.
– Dixitalización e arquivo das fotografías.
– Restauración daquelas imaxes deterioradas e que son de interese.
– Coas imaxes de maior interese histórico e etnográfico, e con aquelas onde moitas persoas se recoñecen e propician o diálogo interxeracional, se deseñan e organizan exposicións, se publican na páxina de Facebook do proxecto, e se dispoñen para a publicación de libros. As exposicións organízanse ao aire libre, en soportes aptos para a intemperie, accesibles durante as 24 horas do día e por períodos superiores aos 100 días.

Polo seguimento que ten este proxecto, o Concello de Carral considérao, dentro da súa programación cultural, o de maior éxito de público.

Hai que salientar o alto nivel emocional que conleva o proxecto, xa que moitas persoas descobren ou lembran o seu pasado, e moitas se achegan aos responsables para solicitar copias de imaxes de interese familiar, incluso para obter copias nas que aparecen familiares dos que non contaban con imaxes nas que recoñecelos.

A maior dificultade do proxecto é a recompilación fiable da información de cada fotografía, xa que algunhas persoas apórtanna desde erróneas lembranzas ou distorsionadas dende a subxectividade.

DESTACADO POR:

  • Ser un dos proxectos máis destacados na recuperación colectiva de memoria do territorio a través da dixitalización e a recompilación de fotografías de particulares.
  • Mesturar con acerto soportes dixitais con accións presenciais, expositivas e editoriais.

Profesionais para seguir o fío:

    • Cándido Díaz Mosquera
    • Carlos Lorenzo

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial