Contexto
LAV ten lugar en Vedra, un concello rural disperso moi próximo a Santiago de Compostela. O proxecto quere achegar dinámicas creativas ao concello pero tamén transcender máis aló do local, contribuíndo a mostrar que desde o rural é posible facer actividades innovadoras que interesen en todo o territorio galego. Ao mesmo tempo que se traslada aos ámbitos audiovisual e cultural unha imaxe desprexuizada do rural e axuda a difundir no noso contexto as novas formas da cultura galega. O LAV xurdiu hai dez anos nun momento no que eran xa abondosos os festivais audiovisuais pero moito máis escasas as iniciativas relacionadas coa formación nesa materia. Apostouse entón por un proxecto que tivese como eixo unha serie de obradoiros que buscasen tres obxectivos:
- Promover o espírito crítico e o debate.
- Fomentar a autonomía creativa das persoas participantes e apostar polo coñecemento práctico
- Desenvolver unha formación ligada á acción.
O proxecto diríxese a un público heteroxéneo. Nos cursos participan persoas de todas as xeracións, con formación destinada a persoas adultas, a rapaces e rapazas desde os 10 anos e a persoas da terceira idade, todas elas compartindo espazo e experiencias. Tamén son diversos os niveis de coñecemento: profesionais, amadores e persoas que teñen no laboratorio o seu primeiro contacto co mundo audiovisual. Esta heteroxeneidade non é casual: búscase a integración e que a convivencia de perfís tan diferentes nun mesmo espazo cree sinerxias de traballo e emocionais positivas.
Experiencia
O Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), agora en proceso de reformulación, celebrábase cada mes de febreiro desde o 2008. Inclúe unha mostra audiovisual e unhas xornadas de formación audiovisual, actualmente concentradas nunha soa fin de semana e nun único espazo. Os cursos ofrecidos teñen unha orientación práctica, completada cunha base teórica. O profesorado está formado por profesionais de prestixio, maioritariamente do ámbito galego. A oferta inclúe cursos para todos os niveis (iniciación, medio e avanzado) e dirixidos a todas as idades: o groso da oferta está dirixida a público adulto, pero hai cursos especificamente deseñados para rapaces e rapazas en idade escolar e para persoas da terceira idade.
Procurase a corresponsabilidade económica dos participantes: os cursos para persoas adultas son de pago, de xeito que son autosuficientes sen axudas públicas, que si contribúen a cubrir os gastos comúns, os cursos de balde (os dirixidos a escolares e a terceira idade) e as actividades do resto do ano. Para acreditar a formación adquirida entreganse diplomas. Contan cun sistema de avaliación para a mellora, cunha enquisa final que proporciona indicadores para modular a oferta de cara ao seguinte ano.
O LAV complétase cunha mostra audiovisual na que se exhibe cinema galego: curtas e longametraxes, de xénero documental ou de ficción. Procúrase que os seus directores ou directoras acudan a presentalas e establecer un coloquio, porque a mostra concíbese como unha ferramenta para dar a coñecer as creacións audiovisuais galegas e xerar debate arredor dela.
DESTACADO POR:
- Audiovisual dende o rural.
- Audiovisual como proceso formativo e non como exhibición.