IMPULSADO POR: Concello de Ribadavia


MIT Ribadavia

Festival internacional de artes escénicas contemporáneas que ten lugar todos os veráns na vila que fixo rexurdir o teatro galego despois do franquismo a través da Asociación Cultural Abrente, converténdose así na capital do teatro galego.

Carácter
Público
Territorio
Rururbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Artes Escénicas
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) ten un pasado moi relevante na historia do teatro galego, o que afianza a súa marca. Os seus espazos de exhibición ao aire libre e en site-specific condicionan a nivel artístico, pero tamén son unha oportunidade para a experiencia estética. A complicidade co territorio, sen dúbida, é o que dota a un festival da necesaria independencia, en alerta e á espreita, fuxindo do franquiciado festivaleiro adornado con sabores locais. A complicidade cos públicos maioritarios e minoritarios é, quizais, o que permite que un festival popular sexa un festival radical, porque as raíces son fondas abondo como para intervir e crecer con novas pólas e retoños ao mesmo tempo. Sen subestimar a intelixencia da comunidade.

A partir de 2009 era preciso reimpulsar a profesionalidade e o carácter internacional da MIT e esa é unha tarefa na que se está a contar con toda a comunidade e institucións, dende a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) até nas redes de intercambio, alianzas, coproducións, acompañamento de artistas e coordinación con outras iniciativas do ecosistema cultural. Propiciar experiencias estéticas que aumenten a competencia das persoas usuarias ou potenciais usuarias, ligar, persistir ou contrapoñer liñas e estéticas, sen guetos nin distancias crípticas coa comunidade, son obxectivos, fundamentais nun festival coma o que se definía no programa da MIT 2016: “un lugar que non é de tránsito, que non é de estancamentos nin de descoido”.

Para iso, a MIT organiza foros, obradoiros, campañas específicas de divulgación da diversidade escénicas, fomentando o pensamento e o empoderamento do discurso crítico sobre a arte dramática.


Experiencia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) conseguiu en poucos anos posicionarse con prestixio na rede de festivais contemporáneos de verán a nivel europeo grazas ás colaboracións, acompañamento e apoios específicos como a conexión que a MIT propiciou entre a compañía galega Voadora e o chileno Marco Layera para o seu espectáculo de 10º aniversario, co que logrou ademais o apoio dos fondos de Iberescena e os acordos con outros festivais cercanos e afíns como Almada en Portugal ou GREC de Barcelona, entre outros.

Tamén son moi importantes as axudas recibidas por parte de organismos de proxección exterior da cultura dos países convidados coma o Instituto Goethe, o Ministerio de Cultura de Lituania, A fundación Santiago a Mil de Chile, etc.

Os foros, coloquios e cursos que a MIT organiza dentro das ACTIVIDADES PARALELAS son un atractivo complemento tamén para a asistencia de críticos e investigadores procedentes de todo o territorio español e doutros países como Francia e Portugal, así como un forte proxecto de divulgación e formación crítica de espectadores, atendendo á diversidade.

O festival tamén aposta polas residencias artísticas para a creación, o fomento da igualdade nas artes escénicas, así como polo programa Ruadavia (teatro de rúa) e o programa infantil da MIT, con satélites tamén en contextos rurais: Santo André, San Cristovo, Sampaio ou Francelos.

Existen políticas de desconto e actividades que poñen en valor a paisaxe e o patrimonio, para que a experiencia artística poida converterse, ademais dun foro de intercambio e encontro, nun motor de dinamización socioeconómica sostible.

A presenza de Premios Nacionais (de Circo, Danza e Teatro) conviven nos foros co apoio ás novas dramaturxias, como se constata tamén co Premio Abrente de Teatro, que ademais conta cunha coidada edición na colección Abrente da Editorial Difusor a de Letras, Artes e Ideas ou co Programa L de apoio ás novas compañías.

Un festival multilingüe, heteroxéno, diverso, contemporáno pero cunha serie de eixos programáticos que o dotan de identidade e coherencia en cada edición, mantendo ou facendo evolucionar algúns ao longo dos anos.

DESTACADO POR:

  • É a Mostra de teatro máis senlleira do País.
  • Vinculada ao tecido asociativo de Ribadavia.
  • Trascendencia internacional.

Profesionais para seguir o fío:

  • Roberto Pascual

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial