Contexto
Santiago de Compostela, ten uns 90.000 habitantes no censo, mais a poboación flutúa moito xa que se trata dunha cidade universitaria e con gran afluencia de turismo atraído polo Camiño de Santiago, a espectacularidade da Catedral e do casco antigo.
Compostela está situada no eixo de cidades atlánticas, desde A Coruña até Porto, ben comunicada co resto e cunha proximidade física, pero tamén cultural con Portugal. Conta cunha oferta cultural moi ampla porén, unha parte importante desta, está necesitada de resortes que activen á cidadanía cara a ela, como no caso de moitos museos.
O Museo do Pobo Galego, que ten un ámbito de actuación autonómico, conta cun gran apoio e unha boa valoración social e é visita obrigada para o colectivo escolar. No caso concreto do Museo do Pobo Galego conta cun estatus de referencia na comunidade galega. Aínda así, hai outra lectura dos museos etnográficos que os asocia co pasado, ás veces “folclorizado”, co localismo e desde a que se perciben como espazos pouco participativos e faltos de dinamismo que ten como consecuencia pouca fidelización e baixo atractivo para as persoas por baixo dos 45 anos.
O DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego, polo seu contacto cotiá cos públicos é o primeiro en detectar isto e en expór a necesidade de renovación e comunicación das accións desenvolvidas. Desde o DEAC proponse implementar o PEM (Plan Educativo do Museo) cunha estratexia que despregue accións, sempre asociadas aos contidos do Museo, pero cun carácter máis participativo e na que se integren as expresións da cultura popular actual.O que se procura é chegar a aquelas persoas que non coñecen o Museo, que non o senten atractivo ou que non volveron desde a súa visita escolar. E fidelizar os existentes. Para atinar mellor co quen e co como identificamos, en función de criterios demográficos, xeográficos, de estilo de vida e psicográficos, a un segmento adulto, dos 30 aos 55 anos, e a un segmento xove, dos 18 aos 30 anos para os que era preciso traballar.
A MICE, primeiro como Mostra, desde o 2016 xa festival, xorde entón como unha das acción coas que se pretende dar pasos cualitativos e cuantitativos dentro dunha estratexia de dinamismo e actualidade do Museo, buscando novas audiencias e transcendendo o local.
Experiencia
A MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, promovida desde o Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego, ten como obxectivos divulgar e facilitar o acceso do público ás novas, e ás que xa son históricas e paradigmáticas, propostas audiovisuais que produzan coñecemento sobre os colectivos sociais e as culturas humanas. Á vez, pretende posibilitar a creación dun espazo de reflexión sobre as relacións entre a práctica e a teoría antropolóxica e das ciencias sociais, e a práctica e a teoría cinematográfica.
A súa andaina comezou en 2005 como Mostra, celebrando en 2017 a décimo segunda edición xa como
certame, cambio que se deu en 2016. Consta de sección oficial na que se dan tres premios, dous deles con dotación económica, Mellor Película e Mellor Película Galega, e o Premio do Público. Ademais do certame internacional, a organización programa seccións fóra de concurso durante o festival, así como actividades relacionadas coa antropoloxía visual durante o resto do ano. Trátase de propostas onde se aborden temas relacionados coa historia, a etnografía e a antropoloxía cultural, e onde o audiovisual teña un papel destacado,sempre co ánimo de mostrar miradas abertas ao mundo que nos rodea.
DESTACADO POR:
- Etnografía e antropoloxía audiovisual.
- Valor arquivístico do audiovisual galego.
- Identidade cultural.
- Defensa e promoción do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.