IMPULSADO POR: Universidade de Vigo, vicerreitoría do Campus de Ourense; Aula de Teatro Universitaria de Ourense e Sarabela Teatro


Mostra Internacional de Teatro de Ourense (MITEU)

Festival de teatro universitario.

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Artes Escénicas
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense organiza en 1994 a I Mostra de Teatro Galego Universitario de Ourense, que pasará en 1996 a constituírse na I MITEU (Mostra Ibérica / Internacional de Teatro Universitario).

Esta Mostra pretende potenciar o intercambio artístico e humano entre grupos galegos e grupos da Península Ibérica ou de fóra dela. Ao remate das funcións establécese un coloquio sobre a obra e sobre os procesos de ensaios e as distintas xestións dos grupos universitarios. Este coloquio, cos anos e co incremento das representacións transfórmase nun punto de encontro onde coincidan compañías e espectadores.

Co paso dos anos e as edicións, a MITEU vai transformándose nun conglomerado cultural cun núcleo de teatro universitario pero cun incremento considerable na programación de teatro profesional unido a concertos, exposicións, conferencias, encontros, cursos, animacións… Rúa, Auditorio, Teatro Principal, Campus, locais, reciben á MITEU. Música, danza, circo, maxia, cine … encontran cabida na Mostra que se achega ás 30 actividades programadas en cada edición.

As datas de celebración habituais son na segunda quincena do mes de abril, variando segundo as vacacións de Semana Santa. O seu ámbito fundamental de acción é a Península Ibérica, pero teñen asistido grupos dos cinco continentes e en cada edición aumentan os grupos invitados doutros lugares.


Experiencia

MITEU son as siglas de Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. O feito de manter «TEU» contén unha referencia ao movemento de teatro universitario que se presentou cunha forza fundamental para o teatro e a cultura deste Estado na década dos 70.

Desde o ano 90 funciona a Aula de Teatro de Santiago e existe un movemento teatral universitario (mediante un Clube da Universidade) na Coruña, uníndose tamén Lugo. O teatro Universitario de Galicia presentaba posibilidades de crear un circuíto. Nesta tempada prodúcese o nacemento da I Mostra Galega de Teatro Universitario de Ourense.

En 1996 hai un incremento de alumnado considerable nas Aulas, xs directores perfilan modelos de Mostra de grande interese e con resposta de público, e a Universidade entende que está diante dun escaparate cultural de gran futuro con implicación nas distintas cidades. Nace así o proxecto MITEU, parello ás Mostras de Vigo, Pontevedra, Lugo, Santiago e Coruña. Cada unha coa súa marca e a súa pegada.

A Mostra de Teatro é a culminación da actividade da Aula de Teatro Universitaria e un factor dunha intervención social e cultural de grande importancia na cidade de Ourense.

Trátase, en definitiva, de potenciar o intercambio artístico e humano entre actrices e actores universitarixs e profesionais galegxs, da Península Ibérica e de fóra dela. Nun tempo concentrado entre a inauguración e a clausura, achegar historias e xeitos de contalas diversos a Ourense e á súa Universidade.

 

DESTACADO POR:

  • Ampla traxectoria.
  • Posta en valor o teatro amateur.
  • Vinculación da mostra de teatro coa cidade.

Profesionais para seguir o fío:

  • Fernando Dacosta

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial