IMPULSADO POR: Sinsalaudio para a Concellería de Cultura da Coruña


Música en Branco

Memoria da Agra do Orzán

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Música
Periodicidade
Programa longo


Contexto

Música en Branco insírese en Urbana-C, un Programa Integral de Rexeneración Urbana que se desenvolve entre os anos 2007 e 2013 financiado con fondos Feder da Unión Europea e do propio Concello da Coruña, ten o seu ámbito de intervención no barrio da Agra do Orzán, cunha poboación de 29.139 habitantes –o 11,9% de toda a cidade. Un espazo urbano vivo, mais con déficits importantes, desenvolvido principalmente na década dos anos 70.

O barrio da Agra do Orzán, con 688,9 habitantes por hectárea, é o máis denso da Coruña. Igual que durante toda a segunda metade do século XX segue a exercer a función de porta de entrada e ámbito de acollida para a veciñanza chegada de lonxe. África e América colleron o testemuño do rural galego, pero o barrio segue a construír a súa identidade a partir do encontro e a mestura. Hai, iso si, outras pegadas menos fértiles da súa historia urbanística, como a carencia de espazo público.


Experiencia

Música en branco: memoria da Agra do Orzán é unha intervención urbana que investiga, documenta, difunde e pon en valor a memoria musical e sonora deste barrio da Coruña, converténdoa nunha ferramenta para a participación e a innovación social.

Esta iniciativa sosténse con tres piares básicos: >a investigación, a participación activa da cidadanía e a programación de actividades arredor da memoria sonora deste barrio da Coruña. No seu desenvolvemento distínguense dúas fases diferenciadas, mais englobadas nun mesmo proceso de traballo. Nunha primeira etapa, o equipo de Música en Branco centrouse na recolleita de información sobre a contorna, a comunidade e a súa relación coa música a través da consulta de fontes documentais e bibliográficas e a realización de 60 entrevistas persoais. Na segunda etapa, a información recabada e analizada serve de base para oito liñas de actuación.

Un programa de radio itinerante dirixido por Xurxo Souto, as Barriografías. Un obradoiro de construción colaborativa de rutas de sendeirismo urbano con Cristina Anllo. Un xeito de converter o barrio nun museo intelixente a través das audioguías NoTours, ao cargo do colectivo Escoitar.org. Unha convocatoria pública para financiar e dar soporte a microproxectos de intervención cultural. A implicación das actividades da contorna na representación plástica do son e a recolleita da testemuños orais dos maiores. A documentación da memoria das mulleres no Contedor de Feminismos de Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui. A elaboración dun mapa sonoro do barrio a partir das microhistorias da música recollidas polo equipo de Música en Branco. E por último, unha exposición no centro Ágora para dar sentido a un proceso de traballo que comezou en decembro de 2012 e rematou en outubro do 2013.

DESTACADO POR:

    Explora o patrimonio inmaterial e subliña o valor comunicativo da música e a súa capacidade para xerar un tecido común.

Profesionais para seguir o fío:

  • Julio Gómez
  • Natalia Balseiro
  • Iago Martínez

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial