Contexto
O ciclo de cultura contemporánea NEXOS nace como evolución dun proxecto anterior, o “Galicia, Ceo das Letras”, programación inaugural da Cidade da Cultura de Galicia. Na súa orixe, o “Galicia, Ceo das Letras”procurou significar á Biblioteca de Galicia como o espazo natural de encontro dxs amantes da literatura en Galicia, promover a cooperación entre os diferentes axentes do tecido literario galego, mostrar o enorme talento creativo das nosas autoras e autores, e servir como interface entre a creación galega e a foránea.
Con NEXOS ampliamos o espectro temático a partir do diálogo entre a literatura e outras áreas de coñecemento (ciencia, arte, pensamento, sociedade), impulsamos novas producións culturais (teatro, música, audiovisual) arredor da palabra e o libro, abrimos unha sección infantil para estimular a reflexión dxs máis cativxs e favorecer o diálogo inter-xeracional, gravamos e penduramos as sesións completas na rede para universalizar o acceso aos contidos, e creamos unha nova sección máis íntima e distendida (“NEXOS Convida”) para achegar ao público a grandes figuras do pensamento de visita en Galicia.
Experiencia
Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.
O ciclo de cultura contemporánea NEXOS combina relatorios a cargo de destacadxs expertxs con actuacións artísticas sorprendentes, nas que non faltan estreas de espectáculos creados en exclusiva para a ocasión. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido. Un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.
DESTACADO POR:
- Manter un espazo de reflexión sobre os temas que nos afectan da contemporaneidade.
- Presenza de figuras destacadas de cada temática que se propón.
- Vinculación de entidades e colectivos de Galicia relacionados con cada tema.
- Mistura de distintas disciplinas humanísticas e científicas.