IMPULSADO POR: Concello de Pontevedra


Noites abertas

Programa de participación xuvenil e de ocio alternativo nocturno para a mocidade

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Xuventude
Contido principal
Multidisciplinar
Periodicidade
Programa longo

 


Contexto

O proxecto tivo o seu inicio nunha necesidade de dispoñer dunha oferta gratuíta de ocio educativo e construtivo para a mocidade de Pontevedra. Un espazo alternativo para a diversión e para a aprendizaxe.

Por outro lado, pretendíase optimizar instalacións municipais culturais, deportivas e educativas infrautilizadas e destinarlles outros usos en distintos horarios. Así mesmo, precisábase crear un espazo para a participación real da mocidade, onde se lles permitira levar a cabo os seus proxectos, detectar necesidades e demandas, así como amosar as súas habilidades e inquedanzas, servindo de “escaparate” para a xuventude de cara á súa propia comunidade.

As persoas destinatarias do programa son mozas e mozos de 12 a 30 anos, sen ningún tipo de discriminación. Á poboación nova censada no municipio de Pontevedra hai que engadir a poboación universitaria do campus de Pontevedra, mocidade que viaxa ou vive nesa cidade durante o curso escolar. Por outro lado tamén está a mocidade dos municipios limítrofes que acoden a Pontevedra para o seu ocio, aínda que tamén o fai mocidade de toda a provincia, especialmente das comarcas de Vigo, Morrazo e Arousa. O programa conta cunha media anual de 6.500 participantes, e o 85% correspóndese co rango de idade 12-25 anos.
 


Experiencia

Unha proposta de ocio estable para a xuventude durante as fins de semana do primeiro semestre de cada ano. Actividades lúdico-educativas que buscan fomentar un modo diferente de vivir a noite e os espazos de lecer, propoñendo actividades formativas, lúdicas, construtivas, divertidas, participativas e interactivas, ás que se pode acudir tanto en grupo como individualmente.

O seu modelo metodolóxico fundaméntase na participación real e activa, no intercambio de experiencias e coñecementos, na interacción dende o encontro cultural de xente nova de diferentes idades e múltiples gustos e intereses. A mocidade é a verdadeira protagonista do contido do programa, xa que participan no deseño de propostas de actividades a levar a cabo por el*s mesm*s.

Entre os seus obxectivos, persegue a igualdade entre mozas e mozos dende o marco da educación para o ocio e o tempo libre, establecendo medidas de acción positiva e coa creación dunha Comisión de Igualdade que supervisa as actividades e forma a todo o persoal implicado no programa. Por outro lado, responde ás liñas xerais do Plan Municipal de Condutas Aditivas desenvolvendo accións que permitan razoar, potenciar a autoestima e desenvolver habilidades sociais na adolescencia, procurando a prevención educativa dende e para a comunidade. Contempla así mesmo, medidas de acción positiva para favorecer a participación de colectivos con discapacidade ou algunha necesidade específica a través da colaboración con entidades e profesionais que traballan pola inclusión social. O programa tamén supón un marco de encontro cultural de mocidade de diferentes culturas, xa que nel conflúe xente de diversos países e as actividades ofrecen espazos de inmersión e de integración na vida da cidade, de intercambio cultural, de socialización e de aprendizaxe mutua.

 

DESTACADO POR:

  • Ser un programa de ocio e formación para a mocidade pioneiro e referente.

Profesionais para seguir o fío:

  • Mirian Viñas Cochón: Coordinadora (1999-2017)
  •  Irene Sánchez Arines: Directoa de actividades (2004-2011)
  • Carlos Iglesias Piñeiro: Director de actividades (2011-2015)
  • Ignacio Márquez Collazos: Director de actividades (2016-2017)

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial