IMPULSADO POR: Colectivo cidadán Patrimonio Galego


patrimoniogalego.net

Plataforma para a catalogación e difusión do patrimonio cultural de Galicia

Carácter
Asociativo
Territorio
Itinerante
Público principal
Especializado
Contido principal
Popular-Histórico
Periodicidade
Actividade continua

 


Contexto

Unha organización de ámbito galego para a defensa do Patrimonio Cultural debe apoiarse nas tecnoloxías para amosar a súa utilidade. Grazas ás tecnoloxías, podemos avanzar moi rapidamente en obxectivos moi concretos. Organizacións flexibles, difusas e informais, que se organizan para accións concretas e trasladan a filosofía de Internet ao seu traballo conxunto. Entidades máis sólidas con liñas máis amplas.

Un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais. Tamén carecemos dunha visión clara do estado de conservación e difusión de cada un dos bens.

Sen embargo, hai unha gran cantidade de profesionais e afeccionados que teñen unha exhaustiva información sobre o territorio, se ben de xeito parcial no territorio ou nos periodos. Esta proposta nutrese de todo ese saber para crear o primeiro Catálogo Social do Patrimonio. Un proxecto factible, pero de longa envergadura, que nos permite ter información de primeira man sobre a situación dos Bens Culturais no pais. A multitude de pequenos elementos, PXOMs, etc, non fai posible ver exactamente que pasa e que temos.

Sabemos a situación na que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural e, especialmente, o Arqueolóxico. Pero precisamos unha ferramenta para facelo visible á opinión pública, aos medios e aos políticos. Tense observado que moitas agresións ao Patrimonio Cultural nunca pasan de información local. O que aquí se propón é unha ferramenta para loitar contra isto.


Experiencia

patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) construído a partir de WordPress. O obxectivo é elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas, concellos, pero no que tamén podes recuperar a información por tipo de ben cultural, por cronoloxía… É como unha Wikipedia do Patrimonio.

patrimoniogalego.net non certifica nin verifica os datos introducidos polos autores que crean fichas de bens culturais (e non pode facelo, porque implicaría visitar todos e cada un dos xacementos). É dicir, cada ficha é responsabilidade exclusiva do seu/súa autor/a. O que fai patrimoniogalego.net é crear a infraestrutura tecnolóxica e humana para reunir nun único espazo os esforzos de centos de persoas amantes do patrimonio de Galicia dispersas por todo o país. A maiores, os/as Editores si fan unha revisión formal das fichas, para que non teñan problemas técnicos, confusións (un mosteiro paleolítico, ou un castelo xeolocalizado na Foxa Atlántica, por exemplo) ou problemas de gramática e ortografía. Faise iso para conseguir facer o catálogo máis consultable.

Hai dous niveis de participación. Os/as Editores e os/as Catalogadores. Os/as Catalogadores poden ser calquera cidadán que queira rexistrar na base de datos elementos de Patrimonio Cultural e contribuír a unha gran base de datos galega. As persoas editoras son os responsables do mantemento e da boa xestión dos contidos do web.

Un dos grandes problemas do Patrimonio Cultural en Galicia é que non sabemos o que temos. A información conséguese mediante trámites burocráticos e moitas veces está incompleta ou é errónea. Patrimoniogalego.net permítenos saber que Bens Culturais existen en Galicia e en que estado se atopan. Calquera pode dar información sobre o estado dun ben concreto. E por primeira vez saberemos, exactamente, a saúde do Patrimonio Cultural neste país.

patrimoniogalego.net pode ser a base de coñecemento na que se apoie a futura Mesa do Patrimonio para os seus informes, denuncias e avaliacións do estado do Patrimonio.

 

DESTACADO POR:

  • Implicación social na defensa do patrimonio.
  • Emprego de novas tecnoloxías relacionadas co patrimonio.
  • Construción colectiva do coñecemento.
  • Arqueoloxía social.

Profesionais para seguir o fío:

  • Manuel Gago

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial