IMPULSADO POR: Concellaría de Culturas do Concello da Coruña


Poetas Di(n)versos

Ciclo mensual de recitais poéticos dobres: un/a poeta en galego + un/ha poeta do resto do mundo, lendo poemas orixinais seguidos de traducións ao galego.

Carácter
Público
Territorio
Urbano
Público principal
Especializado
Contido principal
Letras
Periodicidade
Programa longo

 


Contexto

O ciclo desenvólvese nun espazo de titularidade pública asociada á Concellaría de Culturas da Coruña: o atrio interior da Casa da Cultura Salvador de Madariaga de 2009 a 2011 e o Auditorio do Centro Ágora de 2011 ata hoxe. Os convidados visítannos dende toda a xeografía galega (e mesmo galegos residentes fóra, en Madrid, Cork ou mesmo Reykiavik) e, pola outra banda, dende os cinco continentes: Europa, América, África, Asia e Oceanía.

O momento histórico vivido na cidade da Coruña no que respecta ao ámbito literario, fronte á escasa intervención de autores estranxeiros en Galicia, provocou a necesidade de enriquecer a demanda de posibilidades de se asomar o público ao feito literario fóra dos libros: o recital poético como xeito vivo de consumo literario. A privilexiada coxuntura á que nos referimos pasaba ou pasa por ser A Coruña a cidade na que coexisten/ían un festival da palabra, a única escola de escrita creativa de Galicia, varios obradoiros literarios, clubes de lectura, grupos ou colectivos poéticos, tertulias, unha asociación de editores da cidade, un certame de poesía, etc. Este riquísimo caldo de cultivo alimenta un público de seu para a poesía na Coruña. Porén, non existían iniciativas estables de recitais poéticos; menos aínda incluíndo tamén autores/a de fóra.

O ciclo está dirixido -e, de feito, seguido- por todo tipo de amantes da poesía nun sentido amplo, tanto os máis comprometidos (filólogos, docentes de literatura, escritores dende recoñecidos a afeccionados, críticos…) como os máis leigos (chegados dende o ámbito da música, a arquitectura, a plástica, o teatro…) e en xeral público de todo tipo: profesionais, estudantes, terceira idade…etc. O afán divulgativo e aberto procura, de feito, non só ‘convencer aos convencidos’, senón gañar novos públicos para un xénero literario tradicionalmente considerado ‘minoritario’, facéndolles ver canto poden conectar coa poesía. Para isto, non son infrecuentes as interaccións dos versos con música, performance ou imaxe.


Experiencia

Un luns de cada mes dende hai 9 anos ininterrompidos (suspendendo as actividades unicamente durante os meses estivais de xullo, agosto e setembro) reúnense no Centro Ágora dúas voces da mellor poesía contemporánea en galego e dalgunha outra lingua do mundo. Ofrecen un recital de textos orixinais que, no caso do autor/a estranxeiro/a, inclúen traducións ao galego feitas ex profeso para a ocasión pola tamén poeta Yolanda Castaño, á vez creadora e coordinadora do ciclo. O acto, aberto e gratuíto, ofrece tal contacto directo con grandes poemas actuais na voz dos seus propios autores/as, e acaba por ter unha duración de aproximadamente unha hora.

Aproveitando o paso de tan grandes plumas pola cidade herculina, convídase a que unha das librarías que serven poesía á cidadanía poña á venda os titulos dos convidados/as, dispostos a estampar neles as súas sinaturas para os presentes. Esta escolma viva de autores galegos/as e internacionais contemporáneos procura criterios da máxima calidade e diversidade a todos os niveis: xeográfico, lingüístico (aparecendo representados idiomas masivos e minoritarios, con ou sen estado…), sexo/xénero (cunha alta sensibilidade para a igualdade de xénero así como para a diversidade sexo/xénero), xeracional (combinando voces moi consagradas e veteranas con valores noveis de vocación ben sólida), no tocante a estilos literarios (de máis experimentais a máis clásicos), ao tipo de dicción poética (empregando elementos de apoio como música, proxección de imaxes ou performance, ou limitándose á pura expresión da voz), carácter (das máis orais e populares ata as produccións máis intelectualizadas), etc.

POETAS DI(N)VERSOS ven sendo o único ciclo estable que acolle poetas estranxeiros de xeito regular en toda España, e acadou en 2014 o Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural. Por el teñen pasado dende Premios Pulitzer americanos de poesía ata candidatos ao Nobel de Literatura, numerosísimos premios nacionais e varios Reina Sofía das Letras. Grandes nomes como Adonis, Mark Strand, Adam Zagajewski, Ana Blandiana, Erin Moure, Raúl Zurita, Nuno Júdice ou Robert Pinsky uníronse nestes anos a nomes chegados do Chad, Australia, a lingua zapoteca, Malta, Cuba, Canadá, o Xapón, Siria, Exipto, Alxeria, Irán, Eslovenia, Israel, Finlandia e un longo longo etc.


DESTACADO POR:

  • Ciclo estable que inclúe a poetas internacionais e galegxs.
  • Implicación das librerías da cidade.
  • Posta en valor dunha arte minorizada como é a poesía.

Profesionais para seguir o fío:

    • Yolanda Castaño
    • Begoña Llamosas

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial