Contexto
O territorio orixinario de Ponte…nas ondas! é a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. As actividades fóronse proxectando para outros países (nomeadamente a lusofonía) coa aparición de Internet.
O proxecto de comunicación interescolar orixinario deu pé a desenvolver non só experiencias de radio interescolar senón tamén a realizar actividades de dinamización e transmisión do patrimonio común galego-portugués. A posta en valor deste patrimonio tivo a súa máxima expresión coa presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués diante da UNESCO no ano 2004.
Inicialmente os destinatarios das actividades foron os centros educativos de todos os niveis de ensino, incluída a universidade. Co inicio das actividades de dinamización do patrimonio extendemos a proxección a toda a sociedade da Eurorexión.
Experiencia
Ponte…nas ondas! é unha asociación cultural e pedagóxica que nace no ano 1995 a partir dunha primeira experiencia de radio interescolar entre centros educativos das dúas beiras do río Miño.
Desde entón as actividades fóronse ampliando a outros ámbitos xuntando nunha fórmula única o traballo coa educación, as TICs, o patrimonio cultural e os medios de comunicación.
Entre as actividades máis destacadas realizadas ao longo das dúas décadas están:
- Xornadas de radio interescolar (realizadas 20 edicións).
- Certames de recolla do patrimonio inmaterial galego-portugués.
- Mostras da Oralidade Galego-Portuguesa.
- Actividades de dinamización do patrimonio común.
- Presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
- Publicación do disco-libro- dvd “Meniños Cantores”.
- Congreso internacional “PONTES DE CULTURA, PONTES DE FUTURO (Vigo, Melgaço, 2010).
- Proxecto CORES DO ATLÁNTICO. Publicación de libro-disco e festival na Illa de San Simón.
- NA PONTE. Libro-disco-dvd sobre as dúas décadas de actividades e presentacións do “radiovisual” NA PONTE ao vivo.
Estas actividades contaron coa complicidade de artistas, profesionais dos medios e con entidades e institucións que colaboran habitualmente coa asociación. Este labor ten sido recoñecido cos seguintes premios:
- Premio Galicia de Comunicación (Xunta de Galicia 2005).
- Premio Bos e Xenerosos (AELG, 2005).
- Sello de buena práctica Iberoamericana (Ministerio de Educación de España, 2013).
- Premio ONDAS “pola mellor cobertura do patrimonio inmaterial galego-portugués “(Radio Barcelona, 2014).
- ONG consultora para o patrimonio inmaterial (UNESCO,2016).
DESTACADO POR:
- Patrimonio cultural galego- portugués.
- Experiencia educativa de comunicación.
- Ampla traxectoria.
Profesionais para seguir o fío:
- Santiago Veloso
- Olinda de Sousa