Contexto
O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.
Nun principio cabe pensar que Proxecto Socheo ten un campo de actuación acoutada territorialmente no Concello da Guarda e na bisbarra do Baixo Miño mais o seu traballo na rede fai que esta iniciativa cultural teña unha proxección mundial.
O que motivou o proxecto é que había moitas iniciativas locais que actuaban no eido fotográfico que destacan polas malas prácticas ao especular, por intereses variados, co acceso e estudio dese patrimonio. Proxecto Socheo quixo dar un xiro a esa inercia e especializouse no audiovisual, unha ferramenta moito máis acaída na evolución informática, sobre todo das redes sociais.
Proxecto Socheo vai destinado a toda a cidadanía aínda que procuramos establecer sinerxías con outros axentes sociais como asociacións, empresas, institucións e administracións.
Experiencia
Proxecto Socheo é un intento de aminorar o esquecemento que produce o paso do tempo na Guarda. Por medio desta canle preténdese xuntar nunha mesma plataforma todas aquelas imaxes que supoñan un reforzo para evitar a desmemoria.
Vivimos en tempos onde se desbotan unha chea de material audiovisual e aquí pretendemos xuntalas para que reforcen o patrimonio da Guarda. Unha maneira de repensar o pasado, facelo presente e redimensionalo para o futuro.
A intención deste proxecto é convidar a quen posúa imaxes da Guarda e das súas xentes para que amose os seus arquivos e engrose este proxecto común.
DESTACADO POR:
- Desenvolve unha proposta de salvagarda da memoria a través da dixitalización e posta en valor patrimonio audiovisual particular da cidadanía.
- Ten explorado con propostas audiovisuais avanzadas a partir do arquivo audiovisual colectivo.
Profesionais para seguir o fío:
- Beli Martínez
- Xurxo González
- Luís Cividanes