Contexto
O Festival Revenidas, O Festival das Linguas, celébrase na vila mariñeira de Vilaxoán de Arousa, no concello de Vilagarcía (Pontevedra). Todas as actividades programadas realízanse no entorno do Porto de Vilaxoán, no parque de Dona Concha, na praia do Preguntoiro con bandeira azul e nas rúas desta vila.
Revenidas é xa unha marca diferenciada, un festival único, vencellado ás tradicións, que combina á perfección espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cun recinto pechado de dous escenarios cunha programación musical moi definida, que inclúe importantes bandas internacionais, estatais e galegas.
Un nutrido grupo de profesionais galegos en xestión cultural, programación, produción e comunicación musical constitúen o equipo humano de Revenidas. Sen embargo o Festival Revenidas non sería posible sen a colaboración e participación dos veciños e veciñas de Vilaxoán, de asociacións e das entidades públicas e privadas que fan posible que no 2017 houbera tamén Revenidas.
Experiencia
As Revenidas, cuxa orixe etimolóxica provén das sardiñas, convertéronse en moito máis ca iso; música, actividades e unha sardiñada popular que congrega ao redor do parque de Vilaxoán a miles de persoas para disfrutar da festa en familia. Un dos momentos máis agardados do festival é a sardiñada popular, que se leva a cabo durante o sábado do festival. A asociación Repichoca organiza o xantar, composto por sardiñas revenidas e empanada, para recadar fondos cos que soster o festival.
Ademais da sardiñada, a Gala Solidaria do Revenidas leva anos sendo a referencia familiar do festival e congregando a máis de mil espectadores arredor das artes escénicas, o humor e o circo no Parque de Dona Concha.
Nas últimas edicións ofreceuse tamén unha experiencia marítima única en familia pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que gozar de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. No 2017 a música correu a cargo dos artistas Xurxo Souto, Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, Lydia Botana, O Leo i Arremecághona e Najla Shami.
DESTACADO POR:
- Ser un exemplo de profesionalización dun evento cutural, partindo dunha festa de mozos e mozas de Vilaxoán.
- Manter a súa esencia popular e a conexión cos veciños e veciñas deste barrio mariñeiro de Vilagarcía, das asociacións e do voluntariado involucrado no evento.
- Contar cunha ampla e diversa programación paralela que inclúe propostas de carácter familiar, solidaria, artesanal ou de posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro.