Contexto
Cando en 2011 a asociación Cultural Barbantia convocou a I Romaría das Letras no Barbanza, tiña uns obxectivos claros: facer popular o Día das Letras Galegas máis aló das elites e dos actos protocolarios, buscando unha celebración para todos que tivese por eixo vertebrador a lingua galega e que incluíse uns actos diversos e atractivos que fosen non só unha homenaxe á figura escolleita pola Real Academia Galega para honrar nesa data, senón tamén música galega, presentación de libros, danza galega, artesanía galega, teatro, xogos tradicionais, exposicións e todo aquilo de valor que nos singulariza como cultura popular.
A Romaría das Letras Galegas é unha festa da cultura galega na que participan familias enteiras, unha referencia unitiaria no Barbanza. E así, dende o comezo, acompañou á esta iniciativa o éxito con miles de asistentes, sobrepoñéndose mesmo ás inclemencias do tempo.
Pola romaría foron pasando artistas de zona, escritores e gaiteiros, grupos de baile galego, postos de artesanía e de libros, palilleiras, recitais poéticos, teatro e música.
A todo isto sumouse outro obxectivo: poñer en valor o patrimonio do Pazo de Goiáns e o seu contorno natural, con visitas guiadas polo parque do pazo e co desfrute da natureza.
Experiencia
No ano 2017 celebrase a VII Romaría, unha festa do galego e da nosa cultura que ofrece diferentes actividades culturais: xogos tradicionais, cantareiras, danza e música tradicional, mostra de encaixe, lectura de textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, teatro, presentacións de libros, exposición fotográfica e o concerto das Letras.
Tratase dunha experiencia de cultura cidadá promovida pola sociedade civil e apoiada por diferentes administracións, ainda que impulsada por colectivos cidadáns como son Barbantia (que á súa vez implica a outras 14 entidades no evento).
A Romaría das Letras Galegas conecta coa identidade cultural do pobo realizándose nun espazo moi simbólico para xs boirenses como é o pazo de Goiáns, símbolo da vila ata o punto de aparecer no escudo deste pobo.
DESTACADO POR:
- Recuperación dun espazo patrimonial en desuso
- Xestión cidadá da actividade
- Divulgación e popularización do día das Letras Galegas
Profesionais para seguir o fío:
- Xoán Pastor Rodríguez Santamaría
- Alberto García