Contexto
Nace como un espazo multidisciplinar e colaborativo xestionado pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale, con base social na cidade de Santiago de Compostela, destinando a súa actividade ao desenvolvemento de accións formativas dirixidas a persoas con inquedanzas e profesionais das Industrias Culturais e Creativas de Galicia, desde o punto de vista da creatividade: sector audiovisual, novas tecnoloxías, deseño gráfico, actoral, DIY, cómic, sector musical, etc.
Trala experiencia previa de varios anos colaborando no proxecto LAV – Laboratorio Audiovisual de Vedra, no que se programan e desenvolven unha fin de semana ao ano unha serie de accións formativas no ámbito audiovisual, con gran aceptación e participación de público, detéctase a necesidade deste tipo de actividades debido á escasa oferta e á fame de aprender das persoas vinculadas ao sector. Por iso, Unitaria nace a finais do mes de Maio de 2015 coa vontade de reverter en positivo nesta situación e de evitar a “emigración” fóra da cidade e de Galicia para satisfacer as necesidades presentes, fortalecendo deste modo o sentimento de pertenza e de identidade cultural propia.
Fernando Lema e Gonzalo Suárez, profesionais das Artes Visuais e da Comunicación, póñense mans á obra co obxectivo de implantar este proxecto apaixoante sen ningún tipo de financiamento de índole pública ou privada, aproveitando o potencial presente no noso territorio e ubicando o espazo nunha antiga escola unitaria situada no barrio compostelán de San Pedro, entorno coñecido pola súa apertura, dinamismo e confluencia creativa e de activa participación cidadá.
Experiencia
Trátase dun espazo multidisciplinar e colaborativo xestionado pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale, con base social na cidade de Compostela. Destina a súa actividade ao desenvolvemento de accións formativas dirixidas principalmente a profesionais das Industrias Culturais e Creativas de Galicia. Logo de algo máis de dous anos de percorrido e de intensa actividade, ampliouse dun xeito exponencial a oferta programativa xerando máis de douscentos cincuenta eventos e dando cobertura a necesidades de aprendizaxe, vencellando o servizo a diferentes sectores e diversificando as propostas a través da posta en marcha de eventos puntuais e de novos espazos para a promoción e difusión de experiencias creativas e colaborativas e de artistas e creadores de referencia.
DESTACADO POR:
- Oferta formativa de gran calidade creada por e para axentes creativ*s