IMPULSADO POR: Colectivo Axóuxere


Residencia de Escritores do Proxecto Axóuxere

O rural como espazo inspirador e de acollida para pensadoras e pensadores.

Carácter
Asociativo
Territorio
Rural
Público principal
Especializado
Contido principal
Letras
Periodicidade
Programa curto

 


Contexto

*s integrantes de Axóuxere entenden a vida como un proceso creador, que -contra as paramétricas actuais da sociedade capitalista- se realiza no coñecemento, na autoexpresión e no despregue do ser de cada un. É esa unha das razóns polas que a editora configurou un espazo na aldea de Brión (Leiro, Rianxo), entre o ano 2011 e inicios do 2014, no que plantexou unha forma de vida comunitaria, baseada no mutuo respecto e na investigación co-relacional entre persoas e que volve a retomarse entre xuño e agosto do 2017.

Por esta razón e intentando que o proceso de investigación nas formas de vida que realizan, o creativo se expandise, Axóuxere pon en marcha un programa de Residencias para Escritores e Escritoras, na casa que a editora dispón na parroquia de Leiro, na aldea de Brión, dentro do Concello de Rianxo, ao lado da coñecida Praia das Cunchas.

Esperaban con isto enriquecer o espectro creador contemporáneo, e dar pé a entender que hai sendas comunitarias e de despregue que non fincándose no consumo, produtivismo nin na dependencia material do exterior, permiten realizar unha vida ética, e experiencialmente aberta, en colaboración con outr*s.


Experiencia

Durante un mes, Axóuxere ofrecía estadía e mantenza na súa casa de Leiro a un autor ou autora que previamente escollía logo dunha convocatoria pública. Cada escritor tiña que enviar o seu curriculum e un proxecto e, se resultaban escollidos, comprometíanse a realizar, de balde, un obradoiro de escrita e unha lectura do material desenvolvido na súa estadía.

Durante estes dous anos estiveron partillando a súa creatividade nesta casa da pequena aldea do Brión rianxeiro Irene La Sen, Elías Portela, Nerea Pallares, Amílcar Bettega, Chiara Bertin ou Cremildo Bahule, entre outrxs. Ademais desta actividade da residencia de escritores, Axóuxere lanzou varios libros e presentou a autores sobre todo da lusofonía.

Tras dous anos e medio de experiencia, en 2013 tiveron que parar o proxecto por atrancos institucionais. Isto non significaba a renuncia total ao proxecto, xa que Axóuxere segue baseándose nun traballo colectivo e no entendemento da cultura como proceso de despregue e resistencia.

Logo de tres anos sen a convocar, a editora Axóuxere retoma a súa Residencia de escritores e escritoras no 2017. De novo, a casa do proxecto na parroquia de Leiro, en Rianxo, acolle durante 31 días, entre xuño e agosto de 2017 os creadores ou creadoras seleccionados. Nesta ocasión, o proxecto amplíase e, canda á convocatoria para autores literarios organiza tamén unha residencia para pensadores e pensadoras. Como contrapartida á estadía na casa, as persoas seleccionadas comprométense a impartir un obradoiro ou un seminario, segundo o caso, e a impartir unha conferencia no Concello de Rianxo, que colabora na organización desta iniciativa.

Axóuxere segue a considerar novas maneiras de expandir a idea inicial desenvolvida en Brión. Até ese intre convidan a que se manteña o pulo da creación erguido.

 

DESTACADO POR:

  • Tratase dun proxecto autoxestionado.
  • O rural como espazo inspirador e de acollida para pensadoras e pensadores.
  • Fomento da vida comunitaria e da creatividade.

Profesionais para seguir o fío:

  • Xosé M.Tubío
  • Rafa Xaneiro
  • Nora Viéitez

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial