IMPULSADO POR: Asociación Cultural e de Veciños O Parzamique (Albá, A Ulloa), Arqueixal (Albá, A Ulloa) e Grupo de Teatro Metátase (Palas de Rei, A Ulloa)


Festival Son D’Aldea

Son d'Aldea é un evento para nos devolver o orgullo por sermos de aldea.

Carácter
Asociativo
Territorio
Rural
Público principal
Xeral
Contido principal
Popular-Histórico
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

Son d’Aldea é unha actividade dinamizadora da cultura rural que procura amosala, proxectala e dignificala a través dunha xornada de participación activa da cidadanía que se achegue a Albá (Palas de Rei, Comarca da Ulloa) nesa xornada festiva e que pretende dinamizar, recobrar a vida que non hai tantos anos tivo o rural galego.

A veciñanza de Santiago de Albá, Vilafofe, Santo Xusto, Palas de Rei, no concello de Palas de Rei (Comarca da Ulloa), xunto con outras persoas chegadas de distintos puntos de Galiza, aventuráronse na creación dun evento onde a aldea e a súa xente recobren protagonismo e recoñecemento, unha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do rural no pasado, e dunha reflexión sobre novas vías de ruralidade no presente.

Representa a autoestima de ser e pertencer a unha aldea, o rural e a aldea deixan de ser metáforas vergoñosas que hai que ocultar ou disimular para mostrarse con orgullo e dignidade. A aldea móstrase, polo tanto, como un valor.


Experiencia

A maxia das árbores, dos paxaros, da xente; os camiños cara a aldea transfórmanse en mil historias, tantas como camiñantes, cada paso é una experiencia de sensacións, de imaxinación única e diferente, cada paso convértese na concreción serena e humilde dun espazo físico, duns recursos infravalorados que de súpeto, co camiñar, por momentos agroman e rebentan.

Son d´aldea comeza un 3 de Setembro do ano 2011 e cada ano que se celebra esta romería etnográfica que representa a afirmación pública da autoestima comunitaria das persoas da aldea e do rural en xeral, búscanse novos escenarios na aldea de Santiago de Albá para levar a cabo as diferentes escenificacións deste peculiar e característico roteiro teatral ambientado nos anos 50/60 do século XX.

Un recoñecemento á súa riqueza e á súa heteroxeneidade a través dun espectáculo teatral que transita por diferentes escenarios e que ofrece unha visión de diversos oficios do rural galego a mediados do século XX; dun Xantar con produtos elaborados por xente que traballa no rural na actualidade e dunha Romaría Tradicional.

Esta xornada acompáñase dunha Mostra de Artesanía Alimentaria e outra de Oficios Artesáns, que pretenden amosar as novas formas da economía na aldea. Unha radiografía subxectiva da situación do rural cargada de emoción e sensibilidade e con vontade de reflectir a filosofía vital do ser humano que habita esa contorna.

 

DESTACADO POR:

  • Dinamización da cultura no rural.
  • Valorización da identidade propia.
  • Participación activa da cidadanía.

Profesionais para seguir o fío:

  • José Luis Carreira

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial