IMPULSADO POR: Nordesía Producións


Cantos na Maré

Festival Internacional da Lusofonía

Carácter
Privado
Territorio
Urbano
Público principal
Xeral
Contido principal
Música
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

Cantos na Maré naceu no ano 2003 coa intención de render unha homenaxe ao mar como lugar de encontro de artistas, letristas, músicos, poetas e escritorxs galegos, unidxs polos sentimentos e valores culturais do universo galego-portugués.

Logo das primeiras edicións celebradas no exterior, o éxito acadado resultou determinante de cara á continuidade do proxecto e do formato experimentado.

Finalmente, o Pazo da Cultura de Pontevedra e o mes de xaneiro conforman o lugar e as datas actuais, con Uxía na dirección artística e Paulo Borges na dirección musical.


Experiencia

Ata o 2006 Cantos na Maré baseábase nun espectáculo musical, será na súa cuarta edición cando se marca un punto de inflexión, ao pasar a un conxunto de actividades, primeira achega ás posibilidades e potencialidades como catalizador futuro, e punto de intercambio artístico e profesional entre os países da lusofonía cara o escenario global.

No ano 2008 celebrouse o Cantos na Maré Rede, un foro interactivo desenvolvido como un primeiro paso cara á materialización dunha rede de cooperación entre os axentes, os artistas e o público da música da lusofonía. No ano 2009, ademais da edición celebrada en Pontevedra en decembro, ten lugar un feito extraordinario: a celebración da primeira edición de Cantos na Maré en Brasil, na cidade de Fortaleza, que supuxo un paso decisivo cara á súa expansión internacional.

Na última edición, celebrada en xaneiro do 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra os protagonistas foron Guadi Galego, o guineano Manecas Costa, o angolano Paulo Flores, a portuguesa Celina da Piedade, a brasileira Kátya Teixeira e Santiago Auserón como artista convidado.

As actividades complementarias que se levaron a cabo neste último ano foron:

Conversa e cantos con Manecas Costa, Guiné Bissau na Casa das Crechas en Santiago de Compostela.
Obradoiro musical para escolares Cantos Tradicionais Brasileiros con Kátya Teixeira no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Charla / Bate – papo O Semba, matriz cultural de Angola con Paulo Flores na Librería Paz en Pontevedra.
Taller Canto alentejano con Celina da Piedade no Bar Gramola en Pontevedra.

Todas estas experiencias consolidan o seu formato e estrutura e a súa intención de medrar e proxectarse como un referente musical internacional, un desexo que se está materializando nunha nova fórmula de festival onde os concertos abertos ao público se combinan con actividades profesionais.

 

DESTACADO POR:

  • Encontro de culturas atlánticas.
  • Intercambio artístico e profesional entre os países da lusofonía.
  • Rede de cooperación entre artistas, axentes e públicos da música da lusofonía.

Profesionais para seguir o fío:

  • Vítor Belho
  • Uxía Senlle
  • Paulo Borges

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial