IMPULSADO POR: Marcos Lorenzo e Juan C. Valle “Karlotti”


Semana de Poesía Salvaxe

Semana de axitación poética baseada na oralidade, na forza expresiva e na emoción compartida

Carácter
Privado
Territorio
Urbano
Público principal
Especializado
Contido principal
Letras
Periodicidade
Celebración periódica

 


Contexto

Coa Semana de Poesía Salvaxe quíxose inxectar vitalidade nas rúas de Ferrol, dende a consciencia da lousa anímica que supuxo para a cidade o golpe da reconversión industrial e os seus efectos diferidos por tantos anos. Un pequeno electroshock creativo empregando a ferramenta máis humilde e democrática que existe: a palabra. E un xeito de traballar a palabra acorde coa identidade de Ferrol, en sintonía coa súa propia poética (conflito e fraternidade), para dese xeito darlle singularidade á Semana e convertela nun evento único que proxectase o nome de Ferrol tanto en Galicia como no exterior.

Os destinatarios desta programación son primeiramente a comunidade de poetas que participan na Semana, sexan aqueles convidados pola organización ou todos os veciños que deciden sumarse espontaneamente a través dos micros abertos ou da implicación festiva. A continuación aqueles viandantes que se ven sorprendidos (grata ou ingratamente) por accións de guerrilla poética onde menos o esperan. E tamén a propia cidade, os espazos cotiáns da cidade, que durante a Semana se tornan máis vitais, libres e impredicibles.


Experiencia

O obxectivo da Semana de Poesía Salvaxe foi reanimar a cidade de Ferrol aplicándolle unha sacudida. Apostouse por un modelo de actividade:
– próximo ao happening, que subvertese a disposición escénica das artes;
– que acontecese en espazos cotiás da urbe (prazas, peiraos, pasos de cebra, autobuses, mercados de abasto, zonas en obras, dependencias municipais, oficinas de emprego, quioscos, bares e tabernas, comercios, barcos, telefonillos de edificios);
– aberto á participación da veciñanza (micros abertos);
– desde a poesía, como expresión cultural subordinada;
– transcendendo as fronteiras da poesía convencional (letras de cancións, texto dramatúrxico, cinema e fotografía);
– nos límites entre unha programación cultural pública e unha festa comunitaria incontrolada;
– onde confluísen artistas de distintas disciplinas e procedencias até propiciar saturación creativa e improvisación;
– no que se recuperase o sentido orixinario da poesía como canto, e do poeta como xamán e intérprete do sentir da colectividade;
– no que houbese unha selección de propostas dotadas de forza expresiva e risco escénico que transmitisen unha corrente de enerxía alegre ou alegría enérxica.

En abril de 2017 celebrou a súa décima edición. Polo camiño colectou algún premio e diversos recoñecementos. Pero sobre todo sementou e recolleu afectos, algúns tan gozosos como os que lle brindaron Carlos Oroza ou Germán Coppini.

 

DESTACADO POR:

  • Criterio 1.
  • Criterio 2.

Profesionais para seguir o fío:

  •  Juan C. Valle “Karlotti”
  • Marcos Lorenzo

PARA AMPLIAR INFORMACiÓN:

Web oficial